Friday 03 de May de 2024

San Sadurniño facilita a comunicación telefónica das fogueiras do San Xoán e do San Pedro


O 22 de xuño é o último día para facer o trámite a través do 981 490 027

Faltan poucos días para a noite do San Xoán, data en que a tradición manda armar fogueiras purificadoras, florear as casas, apañar herbas aromáticas que chamen pola boa sorte e pagar a sardiña ao prezo dos percebes polo Nadal. Duns anos a esta parte é obrigatorio comunicarlle ao Distrito forestal os lugares onde se vai facer lume, algo que requiría rexistrar Concello unha folla cos datos da persoa solicitante e a situación exacta da pira. Porén, para facilitar as cousas, desde este ano esa comunicación poderá facerse por teléfono chamando ao 981 490 027 até o día 22 de xuño.

É obrigado comunicar das fogueiras da noite do 23 de xuño e tamén de aquelas que se teñan previsto organizar na noite do 28, véspera do San Pedro que nalgunhas zonas tamén se celebra con lumeiradas. Só poderán facerse aquelas que se comunicasen previamente e, ademais, deberán atenderse outras obrigas recollidas nun bando que se acaba de publicar con medidas sobre a prevención de incendios e tamén relativas á actual situación de pandemia.

O bando comeza indicando que as “saltas” unicamente se poderán levar a cabo en terreos particulares situados en chan urbano ou en chan de núcleo rural. Deste xeito está prohibido montar as cacharelas en rústico de calquera uso e en zonas próximas onde poida saltar o lume. Hai que ter en conta que a normativa de prevención dos incendios está por riba da tradición, de modo que non se poderá prender lume a menos de 50 metros de masas forestais ou matogueiras, nin a menos de 25 metros de edificacións, tendidos eléctricos, instalacións de calquera tipo ou vehículos.

Por outra banda, os lumes do San Xoán e do San Pedro tamén estarán supeditados ás condicións atmosféricas que haxa nese momento e que poidan dificultar o control do lume no caso de que escape. Se se levantase vento forte despois de prender a cacharela habería que apagala de inmediato.

É moi importante tomar todas as precaucións posibles, como por exemplo dispor de auga e medios de extinción preto do lume, telo sempre vixilado e non abandonar o lugar sen antes matar as brasas a conciencia. Non está permitido xuntar un volume de combustible maior de 2 metros de altura e 3 metros de diámetro. Sobra dicir que non se poderán queimar resíduos -plásticos, colchóns, rodas, aerosois, entullos, etc.- e, en xeral, ningún material que desprenda gases ou fumes tóxicos.

Medidas preventivas da COVID-19
Ás medidas de tipo ambiental tamén se lle engaden no bando as referidas á COVID-19, indicando que se prohiben “as fogueiras parroquiais, comunitarias ou veciñais en espazos públicos ou en terreos privados ou comunitarios, susceptibles de seren utilizados por unha colectividade indeterminada de persoas”, xa que nas actuais circunstancias “non se pode garantir a seguridade e cumprimento das normas de distancia interpersoal e aforamentos máximos”.

Coa normativa que hai nestes momentos en vigor -a día de hoxe segue sendo de aplicación a da Xunta- non poderían xuntarse máis de 10 persoas non conviventes e, ademais, despois da 01.00h. da madrugada só estarían autorizadas reunións de persoas que vivan no mesmo domicilio. En previsión de que de aquí á noite do 23 de xuño poida haber cambios substanciais nas restricións, o bando limítase a sinalar que serán de obrigado cumprimento “as normas sanitarias de distanciamento interpersoal, uso de máscaras, aforamentos máximos, limitación da mobilidade nocturna, medidas de hixiene e as de control por parte da persoa organizadora para evitar aglomeracións, así como outras semellantes para previr os riscos de contaxio que poidan ditar as autoridades competentes e que estean en vigor no intre da celebración da fogueira”.

En calquera caso, o texto da alcaldía fai un chamamento á veciñanza “para o cumprimento das medidas de prevención de incendios” así como de aquelas “de carácter sanitario derivadas da prevención da COVID-19”.

Solicitudes por teléfono
A comunicación previa das cacharelas da noite do 23 e do 28 de xuño simplifícase este ano dándo a posibilidade de facer o trámite por teléfono. Haberá que chamar ao 981 490 027 de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30h.

O último día para facelo é o 22 de xuño e haberá que facilitar o nome e apelidos da persoa responsable da fogueira, o DNI e a situación exacta onde se vai armar a cacharela -mellor con indicación da referenza catastral-. Cunha mesma chamada poderanse comunicar -de ser o caso- a celebración das “saltas” do San Xoán e do San Pedro.